Fragment del llibre:
Nota editorial Montes

En Galicia existen máis de 3000 comunidades de montes veciñais en man común, que ocupan a cuarta parte do territorio galego, que logo se di. Trátase dun dos exemplos actuais dos bens comúns cun gran número de comunidades en activo e, no entanto, segue a ser algo pouco coñecido, especialmente no que respecta ás singularidades que o diferencian doutros casos de bens comunais.
En conversas informais fóra de Galicia, cando tentabamos compartir estas experiencias, atopabámonos con dous obstáculos: por unha banda, faltábanos información de primeira man e, por outra, custaba explicar e que se entendese, pois xurdían comentarios como «Que é iso de “en man común”?», «Ao comunal, si, esa práctica medieval» ou «A terra xestiónase de xeito comunal, mais daquela a quen pertence a nivel legal?».
Foi así como xurdiu a idea de editar este libro. Dende Pol·len Edicions consideramos que un libro escrito por comuneiras e comuneiros, que puidesen explicarnos de primeira man algunhas destas experiencias, había ser a nosa achega para visibilizar a realidade dos bens comúns en Galicia —baixo a peculiar forma xurídica do «man común»—, unha realidade potencialmente transformadora, actual e inspiradora para modelos de autoxestión e autosuficiencia comunitaria.
A nosa intención con este libro colectivo non é realizar nin un mapeo nin un estudo sobre as comunidades de montes. Dado o gran número de comunidades de montes veciñais en man común que existen en Galicia, con certeza hai outras experiencias que se organizan e que xestionan o monte de forma diferente, e outras que tamén poderían encaixar no enfoque deste libro, mais non aparecen. As que aquí falan son aquelas ás que chegamos dende unha práctica situada e parcial, co fin de compartir experiencias que nos enchan de ilusión para a transformación ecosocial que o planeta que habitamos reclama.
Puxemos esta parcialidade situada en práctica mediante unha versión caseira e próxima do que, socioloxicamente, poderiamos denominar «mostraxe de bóla de neve». Todo comezou coa persoa máis accesible: a miña nai. Lembrei que no Colexio Público de Sabarís, onde ela traballou como profesora, existía unha relación coa Comunidade de Montes veciñais de Santa Cristina da Ramallosa. Esta comunidade colaborara co centro en varias ocasións: levando o alumnado a coñecer e plantar árbores, impartindo charlas para a comunidade educativa sobre a prevención de incendios e o coidado do monte, ou realizando algunha achega para o material escolar, entre outras accións. Foi a través deste vencello como entramos en contacto con Xosé Alfredo Pereira, quen, á súa vez, foi a ligazón que nos abriu a porta a outras comunidades, como as de Coñecemos a Comunidade de Couso ao asistir a un recital en lembranza da poeta galega Luísa Villalta, nun bonito e inesperado escenario no medio do bosque. Por medio de Xosé Antón, presidente da Comunidade de Couso, descubrimos o proxecto Simbiose e coñecemos a Claudia Delso.
Como se explicará nos artigos que seguen, os montes veciñais en man común non son sinónimo de montes comunais, xa que, ademais dunha xestión comunal e un aproveitamento colectivo, a fórmula xurídica do man común implica unha forma de propiedade colectiva, algo non contemplado na lexislación do Estado español, que os asimila a titularidades de carácter privado. No entanto, os montes veciñais en man común están fóra do mercado: non se poden mercar, vender, dividir nin transmitir. Estes montes pertencen á veciñanza que vive nese territorio, e ollo, porque vivir non é simplemente ter unha casa, senón habitala. Isto pode resultar bastante inintelixible cando temos gravado a lume un concepto da propiedade baseado na individualidade e a parcialidade. Como é posible que non pertenzan a ningunha entidade, nin pública nin privada, a ningún concello ou a ningunha persoa particular? A cuestión é que a certificación destas titularidades non se basea en burocracia, documentos e rexistros, senón no recoñecemento histórico dun dereito de orixe xermánica que se remonta a tempos ancestrais.
Por iso, agardamos que as experiencias das comunidades de montes veciñais en man común que aquí se comparten poidan servir de inspiración para repensar e reclamar outras formas de propiedade, de xestión comunitaria, de democracia directa e popular, e para a activación e renovación do rural, algo que resulta absolutamente necesario no contexto actual de emerxencia social e climática.

Deixa un comentari

L'adreça electrònica no es publicarà. Els camps necessaris estan marcats amb *

Aquest lloc utilitza Akismet per reduir els comentaris brossa. Apreneu com es processen les dades dels comentaris.